SIRGa, Sistema de Información de Residuos de Galicia

Xunta de Galicia, Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

Menú principal de xestións
Vostede está en Inicio -> Residuos urbanos ->

Orixe e clasificación

A lei de residuos de Galicia establece que as entidades locais serán competentes para a xestión dos residuos urbanos. Dentro da categoría de residuos urbanos inclúense os residuos xerados en:

Domicilios particulares, entre outros:
  • Restos de comida e da preparación de alimentos.
  • Envases e envoltorios de plástico, metal, papel, cartón ou vidro, tales como: latas, bricks, botellas, caixas, bolsas de plástico e outros.
  • Roupas e tecidos.
  • Medicamentos e radiografías.
  • Mobles, electrodomésticos, colchóns e outros voluminosos do fogar.

    Existen en Galicia empresas autorizadas para reciclar os colchóns e os mobles. Os Concellos poden contactar con elas para entregarlles estes residuos.
    As empresas que xestionan estes residuos son:
    - Empresas que soamente almacenan :
    Xestores autorizados para almacenamento
    - Empresas que reciclan:
    Xestores autorizados para Valorización
    Cando estes residuos proceden de comercios os Concellos non están obrigados a recollelos, pero poden chegar a acordos con quen os produce para súa correcta xestión. Polo que se refire os residuos de aparellos eléctricos e electrónicos os concellos poden adherirse o Convenio Marco subscrito entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e os Sistemas Integrados de Xestión de RAEE,s

  • Baterías, aceites de motor e outros resultantes do mantemento de vehículos realizado por particulares.
  • Pilas de botón, tubos fluorescentes e outros residuos perigosos.
  • Animais de compañía mortos: cans, gatos, ou calquera outra mascota que conviva no fogar.

    A pesar de seren considerados como residuo urbano, os animais de compañía mortos ríxense especificamente pola normativa existente en materia de SUBPRODUTOS ANIMAIS non destinados ao consumo humano [Regulamento (CE) 1774/2002 do Parlamento Europeo e do Consello, do 3 de outubro de 2002, polo que se establecen as normas sanitarias aplicables aos subprodutos animais non destinados ao consumo humano]

  • Residuos e entullos procedentes de obras menores de construción e reparación domiciliaria: rebos, madeiras, tubos, pinturas, disolventes, ácidos, álcalis.

    Obras menores de construción e reparación domiciliaria son as de técnica sinxela e escasa entidade construtiva e económica, que non supoña alteración do volume, do uso, das instalacións e servizos de uso común ou do número de vivendas e locais, nin afecten o deseño exterior, a cimentación, a estrutura ou as condicións de habitabilidade ou seguridade dos edificios ou instalacións de todas as clases.

  • En xeral, calquera outro residuo que se xere nos domicilios particulares
Comercios:

Inclúense nesta consideración os residuos xerados tanto nos pequenos comercios como nos grandes centros comerciais, excluídas as actividades de tipo industrial que poden desenvolverse no centro, por ex., taller de mantemento e reparación de vehículos, laboratorio fotográfico, imprenta ou calquera outra actividade de tipo industrial.

En xeral, os xerados polos comercios serán maioritariamente: plásticos, cartóns, caixas de madeira, vidro, tecidos, restos de vexetais ou froita, así como algúns catalogados como perigosos por exemplo baterías e acumuladores ou fluorescentes.

Oficinas:

Os residuos que se xeran nas oficinas son principalmente: material de papelería, cartuchos de tinta e toner, equipos informáticos usados, residuos de máquinas de café e refrescos, entre outros.

Servizos:

As actividades incluídas no termo "servizos" non aparecen definidas na lexislación vixente sobre residuos, o que pode levar a distintas interpretacións dos residuos e seren considerados como urbanos ou municipais.

As actividades incluídas nesta consideración son varias: administracións públicas, formación (colexios, universidade), sanidade (clínicas, hospitais, servizos veterinarios), hostalaría e restauración, comunicacións (correos, teléfonos), subministración de auga e enerxía, limpeza, transporte de viaxeiros e mercadorías e outras.

Residuos asimilables a urbanos:

Terán tamén a consideración de urbanos ou municipais os residuos que non teñan a cualificación de perigosos e que pola súa natureza ou composición poidan asimilarse aos producidos nos anteriores lugares ou actividades.

Cando as entidades locais consideren que os residuos urbanos presentan características que os fagan perigosos de acordo cos informes técnicos emitidos polos organismos competentes, ou que dificulten a súa recollida, transporte, valorización ou eliminación, poderán obrigar ao produtor ou posuidor dos mesmos a que, previamente á súa recollida, adopten as medidas necesarias para eliminar ou reducir, na medida do posible, as ditas características, ou a que os depositen na forma e lugar axeitados.
Cando se trate de residuos urbanos distintos aos xerados nos domicilios particulares, as entidades locais competentes, por motivos xustificados, poderán obrigar ós posuidores a xestionalos por si mesmos.
(Artigo nº 20 da Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos)

Non se deberán de considerar como urbanos os seguintes residuos:

  • Os regulados por lexislación específica, como por exemplo: os de servizos médicos ou veterinarios ou de investigación asociada (salvo os residuos de cociña e de restauración non procedentes directamente da prestación de coidados sanitarios) regulados polo Decreto 460/1997, e que na Orde MAM/304/2002, do 8 de febreiro, pola que se publican as operacións de valorización e eliminación de residuos e a lista europea de residuos, figuran no capítulo 18.
  • Os xerados por actividades que non sexan específicas do sector de servizos, por exemplo, nunha empresa de transporte, os aceites usados xerados polos vehículos de transporte, ou nunha empresa de subministración eléctrica, o dieléctrico dos transformadores.
Competencias dos Concellos::

Dentro das competencias das entidades locais se encontra a de prestar os servizos derivados da xestión dos residuos urbanos na forma que se estableza nas súas respectivas ordenanzas e, se fora o caso, plans de xestión de residuos. Dentro dos servizos que teñen que prestar inclúense a recollida, transporte, valorización e eliminación de residuos urbanos ou municipais de forma directa ou indirecta e chegar a acordos con quen produza residuos comerciais para a consecución da súa correcta xestión.

© Xunta de Galicia. Información mantida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas